Unha forma de adelagazar , mellorar a musculatura e gañar capacidade de movemento mentres nos divertimos na piscina é o aquafitness. Este deporte, que tamén se coñece como aquagym, é unha variante do popular aeróbic que atestou as salas dos ximnasios na década dos 80 da man das famosas Jane Fonda ou, en España, Eva Nasarre. A novidade: agora practícase dentro da auga o que o fai moito máis completo.
Neste sentido, o aquafitness
consiste na realización de diferentes tipos de exercicio dentro dunha
piscina con pouca profundidade, aínda que é aconsellable que teña
diferentes profundidades para poder alternar un maior número de
exercicios. E é que, dentro da auga temos unha gran vantaxe que non nos
pode achegar unha sala de ximnasio convencional ou a nosa propia sala de
estar na casa, que non é outra que a de volvernos máis liviáns debido á
flotabilidade no medio acuoso. Debido a isto, teremos a capacidade de
facer exercicios con menos risco, porque o impacto que reciben as
articulacións é moito menor. Aínda que o esforzo sexa maior, podemos
conseguir movementos máis suaves e precisos por poder realizalos máis
detidamente e, polo tanto, o éxito do exercicio é maior que fóra da
auga.
O aquafitness
naceu como un exercicio pensado para persoas maiores cunha mobilidade
máis reducida; así, servía de terapia para mellorar aspectos psicomotrices
que, coa idade, se van perdendo debido ao desgaste dos ósos e á perda
de tono muscular. Non obstante, calquera que completase unha sesión de aquafitness actual non pode dicir que é un deporte para xente maior, xa que é duro de realizar aínda que moi reconfortante. Loxicamente, o aquagym foi variando cos anos dende esa terapia psicomotriz e, hoxe en día, é perfecto para todas as idades, posto que se pode adaptar sen problemas á capacidade física dos participantes.
O éxito do aquafitness
radica na combinación de dúas características que resultan moi
atraentes e beneficiosas. En primeiro lugar, o feito de que se realice
na auga a unha temperatura que oscila entre os 28ºC e os 31ºC
fai que a temperatura do corpo se vaia regulando e a nosa sensación
corporal sexa moito máis agradable, á vez que os movementos na auga nos
fan sentir máis cómodos e, mesmo, nos relaxan. Ademais, o feito de
escoitar música mentres se realiza o deporte provoca que nos divirtamos
máis facendo o exercicio e, mesmo, socialicemos con máis facilidade.
En principio a práctica do aquafitness
é adecuada para todas as persoas sen importar a idade, a capacidade
física nin o tono muscular, posto que se pode realizar con maior ou menos
intensidade. Ademais, o feito de que haxa diferentes variedades con
distintos niveis de esixencia fai que poidamos elixir o máis axeitado
para cada un de nós.
Non obstante, se sufrimos algún tipo de
enfermidade ou lesión debemos consultar un especialista para que nos
alerte sobre os posibles riscos da súa práctica na nosa situación
particular. O noso médico explicaranos que tipo de exercicio físico é o
máis indicado segundo o noso estado de saúde e, se é necesario,
determinará a idoneidade de realizar unha proba de esforzo, sobre todo
no caso de pacientes con problemas cardíacos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario